Saturday 27 de April de 2024

O pleno votará a aprobación definitiva do Plan Parcial AR-S1 que pretende a creación dun novo ámbito comercial na Laracha


A promotora tamén solicitou o cambio de sistema de actuación de compensación a concerto.

Dous dos asuntos que serán elevados á sesión ordinaria do Pleno que se vai celebrar o xoves da semana que vén, día 4 de abril, están relacionadas coa tramitación do Plan parcial AR-S1 “Gallega de Mallas” promovido pola sociedade Inmobiliaria Gabenlle coa finalidade de crear unha nova área comercial nunha parcela situada na entrada ao núcleo urbano da Laracha en dirección A Coruña, xunto á estrada AC-552.
Este Plan parcial é a ferramenta urbanística que posibilitará o desenvolvemento do ámbito e a súa incorporación á trama urbana da vila da Laracha a través das novas conexións viarias, a creación dunha franxa vexetal que actúe como transición entre o solo rústico e o urbanizado e a redefinición do borde urbano incorporando novos usos.
Por unha parte, o Pleno deberá votar a aprobación definitiva do citado Plan, que trala súa aprobación inicial xa superou o período de información pública sen que se presentasen alegacións ao expediente e conta cos preceptivos informes sectoriais.
E a Corporación tamén deberá pronunciarse sobre o cambio de sistema de actuación do Plan Parcial AR-S1 de compensación a concerto, que foi solicitado pola promotora para asumir a actuación urbanística como propietaria única.
Paralelamente, está en fase de tramitación o proxecto de urbanización, xa aprobado inicialmente e pendente dos informes sectoriais para proceder á aprobación definitiva.
O desenvolvemento desta iniciativa preséntase como unha achega positiva á actividade comercial da Laracha, xa que o sector quedaría integrado na trama urbana da vila e abriría novas oportunidades para a creación de emprego no termo municipal.